Marcadores

Marcadores

1/24/2017

Lecturas 3ª avaliación

E como xa temos lidos os libros da 2ª avaliación, imos adiantando os da 3ª para ver se alguén quere ir escollendo.

De novo tres opcións:

1) Anxos en tempos de chuvia é unha obra de Miguel Vázquez Freire, publicada pola Editorial Xerais. Velaquí tedes a presentación que se fai na páxina da editorial.


"Anxos en tempos de chuvia é a historia dunha rapaza e tres rapaces que morren na madrugada viguesa dun sábado nun accidente de automóbil. Moncho, irmán de Anxos, a rapaza falecida non quere aceptar as explicacións oficiais sobre a causa do accidente. A partir deste momento Moncho actúa coma un investigador, si, coma un detective que anda na procura de pegadas. Pero, en certo modo, coma un detective ó revés, porque o que Moncho busca non son as pegadas dun crime, senón pegadas dunha inocencia. A novela cunha trama artellada moi coidadosamente, aborda dende temas tan actuais como a problemática dos accidentes de tráfico, a droga, o consumo de alcohol, a sida, o rock bravú, a lingua e a identidade galegas..., ata os temas de sempre da mocidade como o amor, a iniciación á sexualidade adulta, a reflexión sobre a relixión e a existencia, e sobre todo, a consideración da morte como unha experiencia vivida."

2) As crónicas de Landereina é unha trioloxía da autora Sabela González. Na páxina da autora podes atopar toda a información sobre a obra e as tres partes que a compoñen: http://www.sabelagonzalez.com/. Nós imos comezar pola primeira parte: As crónicas de Landereina. Bágoa de Lúa. De vos gustar, podedes seguir pola vosa conta co resto da trioloxía.

"Sinopse: Durante corenta anos, Landereina sufriu baixo o poder do malvado Wiasmau. O reino xa está recuperado, pero a historia está a piques de se repetir, a menos que alguén consiga destruír a poderosa Pedra de Lúa.

Nunha pequena cabana, nunha praia esquecida do mundo, Berenguela descubrirá que o seu destino é moi distinto ao que sempre pensara. Descubrirá que salvar o reino pode estar nas súas mans."

A obra foi publicada pola editorial Galaxia en 2013.

3) E por último un clásico da literatura universal: A illa do tesouro. O seu autor é R. L. Stevenson e foi traducida ao galego polo tradutor e escritor Xavier Alcalá, e editada pola editorial Xerais, onde podes atopar esta sinopse:


"Un mociño inglés do século XVIII vive e conta neste libro, clásico no seu xénero, unha aventura extraordinaria. Mesturados el e mais os seus amigos cunha grea de bucaneiros disfrazados de xente de ben, e norteados polo mapa que tirara o rapaz do cofre dun pirata finado na cativa pensión familiar, bótanse ao mar tras o engado do fabuloso tesouro soterrado por unha banda dos autodenominados cabaleiros de fortuna naquela afastada illa descrita no mapa. As peripecias de Jim Hawkins, do capitán Smollet, de John Silver o Longo e do resto dos tripulantes da Hispaniola significaron para varias xeracións non só a cristalización dos soños de mocidade de aventuras, senón tamén a realización literaria da ansia de escapismo que aniña en todo ser humano. Se ben a complexidade psicolóxica dalgúns personaxes, especialmente John Silver, amosa a característica preocupación de Robert Louis Stevenson pola ambigüidade moral das persoas, A Illa do Tesouro representa en estado puro a novela de aventuras na cal a procura mítica dun obxecto prezado actúa como móbil para a fuxida cara a escenarios exóticos onde a liberdade é posible."

Nenhum comentário:

Postar um comentário