Marcadores

Marcadores

11/28/2014

Chévere, Premio Nacional de Teatro. Parabéns!


O teatro galego está de noraboa! Vénselle de conceder o Premio Nacional de Teatro a Chévere e recoñecer, así, o seu labor a prol do teatro.
Destes xeito dába a noticia o xornal Sermos Galiza:

"Esta cuarta feira (26 de Novembro) Chávere foi galardoado co 'Premio Nacional de Teatro' concedido polo Ministerio de Educación español. Así o vén de comunicar o xurado que salientou a "coherente traxectoria de creación colectiva baseada en fontes de teatro documento e na transgresión de xéneros"
Así mesmo, destacan a conexión das súas obras coa "realidade social e económica" galega e mesmo internacional, como reflicten Citizen, Eurozone ou Ultranoite no País dos Ananos. Neste senso, o xurado subliña "o achegamento" que desenvolveu Chévere "do teatro a distintos colectivos sociais e ao ámbito pedagóxico" pulando pola "participación cidadá". 
A compañía leva 25 anos facendo teatro da man de Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Xron e Manuel Cortés."

Por se queredes rir un anaco, aquí podedes ver un anaco dunha representación súa ou entrar directamente na súa páxina http://redenasa.tv/.

10/27/2014

Falece a escritora Begoña Caamaño














A escritora Begoña Caamaño falecía esta tarde en Santiago de Compostela. Na nosa memoria sempre ela e a súa obra.



Así nos informaba da noticia o xornal Sermos Galiza esta tarde:

Morre Begoña Caamaño, a voz lila da literatura galega.


Con dúas novelas Circe o pracer do azul e Morgana en Esmelle, a xornalista Begoña Caamaño deuse a coñecer como escritora e conseguiu en só tres anos unha linguaxe propia que a situou entre os principais nomes da literatura dos nosos días. Confesábase herdeira das mulleres contadoras de historias, das avoas que non eran quen de poñelas por escrito, o que ela facía maxistralmente, conseguindo o aplauso de lectoras e lectores e da crítica que, en pouco tempo, lle otorgou premios como o Ánxel Casal, o premio da AELG, o Losada Diéguez ou o da Crítica da narrativa galega. 
Begoña Caamaño faleceu esta segunda feira no Hospital Clínico de Compostela após loitar durante tres anos contra o cancro.
Feminista, como ela se presentaba, non dubidaba en imprimirlle tamén a cor lila á súa obra
Feminista, como ela se presentaba, non dubidaba en imprimirlle tamén a cor lila á súa obra e defendía a súa proposta literaria con entusiasmo. "Antipatriarcal e feminista", dicía cando lle preguntaban polas súas novelas. "Quero ser honesta co meu público. Isto é o que hai. A miña maneira de ver o mundo é a dunha persoa galega e feminista. Non podería ser outra. Tentalo sería unha farsa. Non só non me asusta que me etiquete senón que xa o anuncio para que quen se achegue á miña obra saiba con que se vai atopar", dicía nunha entrevista con Sermos Galiza o pasado ano, cando gozaba co grande suceso da súa segunda novela, Morgana en Esmelle. 
A xornalista dos mitos
"Pretendo coa miña obra ofrecer vimbios para facer un cesto novo, cun discurso contra o poder"
De profesión xornalista, Begoña Caamaño traballaba na Radio Galega desde 1989, primeiro na delegación de Vigo -a cidade na que naceu hai cincuenta anos- e despois na sede en Compostela, nas seccións de sociedade e cultura, nesta última participando en distintos programas, un deles, o Diario Cultural da súa amiga e tamén escritora Ana Romaní. 
No ámbito literario presentouse "de maneira serodia", como ela dicía, máis con intensidade e cunha voz propia que a levaba a revisitar en clave feminista e contemporánea os mitos clásicos. Fuxía da actualidade, comentaba, aquela que a desesperaba na súa faceta de xornalista. "Pretendo coa miña obra ofrecer vimbios para facer un cesto novo, cun discurso contra o poder. Trátase de reivindicar a responsabilidade. Eu non vivo soa no mundo, o que fago, desde o propio consumo cotiá, ten consecuencias, tamén para outras persoas e diso teño que ser consciente", comentaba. 
"Considero o feminismo como un humanismo global. Poñer as gafas lilas é poñerte na pel de quen padeceu a exclusión, non falar desde a historia narrada polos vitoriosos, senón de quen sufriu a exclusión por ser considerad@ menor e secundari@", defendía Begoña Caamaño, da súa maneira activista de situarse no mundo. 
O principal trazo do seu carácter era a alegría. A súa cor, o lila. Quería ser unha boa persoa e vivir nunha Galiza liberada. Na poesía, gostaba de Ana Romaní e na música de Uxía, dúas grandes amigas. Odiaba o fascismo e a intolerancia e agardaba morrer durmindo, sen dor. As respostas de Begoña Caamaño ao Cuestionario Proust que lle propuxo o crítico Ramón Nicolás axudan agora a trazar o perfil da súa personalidade. Das súas amizades agardaba que a quixeran tanto como ela as quería e o lema da súa vida era "canto máis feliz sexan os demais, máis feliz serei eu". As amizades ás que tanto quería e as que buscaba facer felices senten agora a morte da escritora para a que a alegría era o seu estado de ánimo máis habitual. 

Dialectoloxía galega


Aquí tedes varios vídeos sobre diferentes fenómenos dialectais:



10/26/2014

Orgullosos da gheada e do seseo





A gheada e o seseo sempre estiveron acompañados de prexuízos. A xente destas zonas dialectais viuse ridiculizada durante séculos e, en moitos casos, séguese vendo por empregar estas variantes tan propias da nosa lingua.



Neste vídeo podes ver como mozas e mozos rianxeiros reivindican o seu dereito a empregar estas variantes dialectais recoñecidas pola RAG como propias da lingua estándar oral.



E veña, a manter as nosas variantes!

10/24/2014

Dicionario de sinónimos en rede

No Portal das palabras podedes acceder ao Dicionario de sinónimos, o cal vos pode ser de grande interese á hora de elaborardes os vosos textos.

Aquí vos vai a captura de pantalla cos sinónimos do verbo que lle dá nome a esta blog: achanzar.


Un vídeo sobre dúbidas léxicas: cortar e acurtar.