O 17 de maio é a festa das nosas letras, mais tamén unha data de reivindicación da nosa lingua, de aí que a Plataforma Cidadá Queremos Galego, convoque a toda a poboación á manifestación que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela o vindeiro 17 de maio.
Este é o seu manifesto:
O idioma é a vida
A lingua é a maior creación colectiva dun pobo, a expresión
máis clara da súa existencia e vontade de se desenvolver. A normalidade
plena da lingua propia evidencia o desenvolvemento e a prosperidade do
pobo que a fala.
Neste 2016 fanse cen anos da creación das Irmandades da Fala, cen
anos de reivindicación da normalización para a lingua galega, de
desenvolvemento de todas as capacidades do pobo galego co noso idioma
como mellor mostra do que somos e do que queremos ser.
Todos os avances para a lingua galega, por mínimos que fosen, foron
conquistas sociais e democráticas como demostraron a Irmandades da Fala
ou hai 50 anos o profesor Carvalho Calero incorporando o galego, en
condicións moi precarias, ao ensino universitario.
Nos últimos anos o goberno do Partido Popular na Xunta, que ten a
obriga legal de promover e defender a lingua galega, foi o principal
promotor do retroceso do noso idioma. As consecuencias son perfectamente
observábeis nos datos estatísticos, na reducida ou nula presenza do
galego na xustiza, administración e servizos públicos; na desaparición
das aulas de Educación infantil como antesala do proceso de
extranxeirización da lingua galega no seu propio país, xunto co veto ao
seu uso nas aulas en materias da área científico-técnica, ou no
obxectivo de redución a 1/3 a súa presenza no ensino que establece o
decretazo contra o galego 79/2010; na exclusión do galego de grande
parte dos sectores económicos e na discriminación consentida a
galego-falantes en servizos de atención á clientela por parte de
empresas que ademais de prestaren servizos en Galiza, extraen grande
parte dos seus recursos.
Esta situación foi denunciada publicamente mesmo ante a comunidade
internacional, e foi motivo dun apercibimento grave, por parte do
Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das
Linguas, ao gobernos da Xunta e estatal.
A aprobación da Lei de normalización lingüística en 1983, sucedérona
outros avances, mesmo acordos aparentemente asumidos por todas as forzas
políticas (paralizados ou vulnerados polos gobernos do Partido
Popular), como o Plan xeral de normalización da lingua galega de 2004 ou
recentemente a Declaración de unidade a prol da normalización da lingua
galega que, en xullo do 2015, impulsou a Mesa pola Normalización
Lingüística.
Malia os incumprimentos reiterados, todos estes pasos foron o
resultado da acción da sociedade galega, case sempre en solitario, a
favor da súa lingua.
Porén, sentenzas como a recente do TSXG contra a ordenanza de uso do
galego en Lugo, someten a escasa lexislación favorábel ao galego a unha
interpretación abertamente contraria a todos os acordos conseguidos pola
mobilización da sociedade en democracia. Utilizan as poucas ferramentas
que temos, para negaren a existencia do idioma galego por si mesmo como
lingua propia e plenamente oficial en Galiza, sen subordinacións, sen
límites, en condicións de mínima igualdade.
Fronte as 500 disposicións disposicións legais que amparan e mesmo
obrigan ao uso do español, as poucas que permiten a utilización do
galego son utilizadas por sentenzas como a do TSXG para atacar calquera
tentativa normalizadora. Por isto, ademais de políticas activas que
sitúen o galego en todos os espazos da vida cotiá onde está excluída,
precisamos mudanzas lexislativas que garantan o dereito a vivir en
galego e eviten a utilización do poder xudicial para negarnos o dereito e
a liberdade de vivirmos sempre en galego.
O idioma é a vida, di o verso de Manuel María, poeta e activista da
lingua. E a vida dános a forza, o amor e a vontade de unidade que
amosamos na manifestación do17 de maio, pois como di Manuel María : “O
idioma é a patria/a esencia máis nosa,/ a creación común/ máis grande e
poderosa.”