Marcadores

Marcadores

5/19/2016

Día das Letras Galegas 2016

Esta presentación sobre Manuel María  foi elaborada por alumnado de 4º ESO do IES Pazo da Mercé na materia de Lingua e Literatura, impartida pola profesora Isabel Cuntín. Parabéns a todas as alumnas e alumnos. Moi bo traballo!

5/13/2016

O idioma é a vida. Día das Letras Galegas. 2016

O 17 de maio é a festa das nosas letras, mais tamén unha data de reivindicación da nosa lingua, de aí que a Plataforma Cidadá Queremos Galego, convoque a toda a poboación á manifestación que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela o vindeiro 17 de maio.

Este é o seu manifesto:

O idioma é a vida. Manifesto do 17 de maio

O idioma é a vida
A lingua é a maior creación colectiva dun pobo, a expresión máis clara da súa existencia e vontade de se desenvolver. A normalidade plena da lingua propia evidencia o desenvolvemento e a prosperidade do pobo que a fala.

Neste 2016 fanse cen anos da creación das Irmandades da Fala, cen anos de reivindicación da normalización para a lingua galega, de desenvolvemento de todas as capacidades do pobo galego co noso idioma como mellor mostra do que somos e do que queremos ser.
Todos os avances para a lingua galega, por mínimos que fosen, foron conquistas sociais e democráticas como demostraron a Irmandades da Fala ou hai 50 anos o profesor Carvalho Calero incorporando o galego, en condicións moi precarias, ao ensino universitario.
Nos últimos anos o goberno do Partido Popular na Xunta, que ten a obriga legal de promover e defender a lingua galega, foi o principal promotor do retroceso do noso idioma. As consecuencias son perfectamente observábeis nos datos estatísticos, na reducida ou nula presenza do galego na xustiza, administración e servizos públicos;  na desaparición das aulas de Educación infantil como antesala do proceso de extranxeirización da lingua galega no seu propio país, xunto co veto ao seu uso nas aulas en materias da área científico-técnica, ou no obxectivo de redución a 1/3 a súa presenza no ensino que establece o decretazo contra o galego 79/2010; na exclusión do galego de grande parte dos sectores económicos e na discriminación consentida a galego-falantes en servizos de atención á clientela por parte de empresas que ademais de prestaren servizos en Galiza, extraen grande parte dos seus recursos.
Esta situación foi denunciada publicamente mesmo ante a comunidade internacional, e foi  motivo dun apercibimento grave, por parte do Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas, ao gobernos da Xunta e estatal.
A aprobación da Lei de normalización lingüística en 1983, sucedérona outros avances, mesmo acordos aparentemente asumidos por todas as forzas políticas (paralizados ou vulnerados polos gobernos do Partido Popular), como o Plan xeral de normalización da lingua galega de 2004 ou recentemente a Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega que, en xullo do 2015, impulsou a Mesa  pola Normalización Lingüística.
Malia os incumprimentos reiterados, todos estes pasos foron o resultado da acción da sociedade galega, case sempre en solitario, a favor da súa lingua.
Porén, sentenzas como a recente do TSXG contra a ordenanza de uso do galego en Lugo, someten a escasa lexislación favorábel ao galego a unha interpretación abertamente contraria a todos os acordos conseguidos pola mobilización da sociedade en democracia. Utilizan as poucas ferramentas que temos, para negaren a existencia do idioma galego por si mesmo como lingua propia e plenamente oficial en Galiza, sen subordinacións, sen límites, en condicións de mínima igualdade.
Fronte as 500 disposicións disposicións legais que amparan e mesmo obrigan ao uso do español, as poucas que permiten a utilización do galego son utilizadas por sentenzas como a do TSXG para atacar calquera tentativa normalizadora. Por isto, ademais de políticas activas que sitúen o galego en todos os espazos da vida cotiá onde está excluída, precisamos mudanzas lexislativas que garantan o dereito a vivir en galego e eviten a utilización do poder xudicial para negarnos o dereito e a liberdade de vivirmos sempre en galego.
O idioma é a vida, di o verso de Manuel María, poeta e activista da lingua. E a vida dános  a forza, o amor e a vontade de unidade  que amosamos na manifestación do17 de maio, pois como di  Manuel María : “O idioma é a patria/a esencia máis nosa,/ a creación común/ máis grande e poderosa.”

4/03/2016

Viaxe a Lisboa

Este curso na Viaxe de estudos a Lisboa puidemos apreciar unha das nosas xoias literarias: o Cancioneiro da Ajuda. Ademais, esta excursión permítenos coñecer mellor Portugal, os seus costumes, a súa historia... Aquí quedan algunhas mostras da viaxe deste ano. Non se inclúen fotografías do alumnado por motivos relacionados coa imaxe de menores, mais eles e elas foron os protagonistas.
Cancioneiro da Ajuda.

Palácio da Ajuda

Palácio de Queluz

Castelo de São Jorge

Mosteiro dos Jerónimos

Sintra

3/22/2016

A Real Biblioteca do Palácio da Ajuda

Hai uns días, na viaxe de estudos organizada polo Departamento de Língua portuguesa, puidemos acceder a esta marabillosa biblioteca e ver algunhas das obras máis significativas da nosa lingua e da nosa historia. Agora aquí podes profundar máis nesta importantísima biblioteca.

A Real Biblioteca do Palácio da Ajuda